» In English
» Castellano
» Português

GalizaBandeiras históricas da Galiza

Contidos nesta sección:
» Bandeira nacional da Galiza
» Bandeira histórica do Reino da Galiza
» Bandeira da Dinastía Real Sueva do Reino da Gallaecia
» Bandeiras históricas da Cruz de Santiago, Cruzados Galegos e Cruz de Santo André

Visita tamén estas páxinas:
» Bandeiras nacionais e históricas dos países celtas
» Bandeiras históricas e comarcais galegas


Bandeira nacional da Galiza Bandeira nacional da Galiza

A nosa bandeira galega moderna naceu durante o século XIX inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña, que naquel tempo era a capital galega.

Durante este periodo, milleiros de galegos emigraban todos os meses ás Américas para escapar da depresión económica e política na que se encontraba o noso país. O principal porto de saída de emigrantes era o da Coruña.

A tradición conta que os emigrantes asimilaron que a bandeira naval da Coruña que ondeaba no porto e nos paquebotes transatlánticos era de feito a bandeira do país galego. Chegados ao novo continente, os emigrantes americanos comezaron a utilizar a bandeira naval da Coruña como bandeira galega. Anos máis tarde, a bandeira branca e azul cruzou o atlántico de volta e foi adoptada na nosa terra como a bandeira moderna galega.

Cruz de Santo André na bandeira escocesa

Cruz de Santo André na bandeira naval da Coruña, 1845-1891

Evolución final: a moderna bandeira galega

Orixinalmente, a bandeira naval da Coruña era unha cruz diagonal azul sobre fondo branco. Esta cruz en forma diagonal é coñecida polo nome de "Cruz de Santo André". Santo André é o Santo Patrón da Escocia e tambén é un dos santos máis populares do noso país con 72 parroquias galegas adicadas ao seu nome.

No ano 1891, a cruz de Santo André galega foi modificada co fin de evitar confusións coa bandeira da mariña do imperio de Rusia, que tamén tiña como bandeira unha cruz diagonal azul sobre branco. A modificación consistiu en restarlle á cruz un dos seus dous brazos diagonais, resultando no formato da nosa bandeira galega moderna.

» Le o artigo completo: A Bandeira Galega


Bandeira do Reino da GalizaBandeira do Reino da Galiza

Con case un milenio de antigüidade, o Santo Graal é o símbolo histórico que máis longo ven representando ao país dos galegos como institución política. O Graal como bandeira e armas dos reis de Galyce aparece por primeira vez documentado nun armorial inglés do século XIII.

A representación gráfica das armas do Reino Galego foi evolucionando continuamente através dos séculos; do orixinario Graal pechado nun relicario pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinario campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco para usos militares e navais; e o orixinario Graal en campo liso sen nengún engadido pasou a conter decoración diversa como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis, sete, ou en campo sementado.

A representación moderna estandarizadal das Armas do Reino da Galiza foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega.

» Le o artigo completo: A Bandeira do Reino Galego


Bandeira Militar do Reino da Galiza

Bandeira Militar do Reino da GalizaNo ano 1571 o Reino da Galiza participou coa súa propia flota na Batalla de Lepanto. A Armada Galega ondeou a súa propia bandeira no combate naval, unha bandeira de campo vermello, co Graal no centro e cun anxo a cada beira del. A seguinte representación nun contexto militar do Graal sobre campo vermello da que temos constancia aparece no séc. XVIII, como Armas do Regimiento de Galicia. Este rexemento militar galego ten a súa orixe no Terzo de Lombardía do ano 1534, e nos seus intermitentes séculos de existencia participou en campañas militares en Escocia, Savoia, Piamonte, Arxentina, Hespaña e Franza. A actual bandeira de Mondoñedo, na que tamén figura o Cálice dourado sobre fondo vermello, é da mesma maneira a herdeira do estandarte militar portado polo vello Rexemento Provincial de Mondoñedo na segunda metade do século XVIII.


Bandeira Naval do Reino da GalizaBandeira Naval do Reino da Galiza

Durante o séc.XVIII comeza a xurdir outra nova representación do Graal da Galiza, dentro de contextos navais, onde o cálice dourado de cor branca vai, sobre campo branco, acompañado por tres cruces vermellas a cada beira. O uso desta variante naval de campo branco durante o século XVIII xestará confusión no século XIX entre autores que, esquecendo o tradicional campo de cor azur, comezarán a afirmar que a antiga bandeira galega era branca, sen dúbida facendo referencia á bandeira naval utilizada no século XVIII.


Bandeira de Estado ou Institucional

Bandeira de Estado ou Institucional da GalizaA representación moderna estándar das Armas do Reino da Galiza foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega.

A RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro da bandeira galega moderna. O resultado foi a superposición das armas galegas sobre a bandeira nacional, formando o que en Vexiloloxía -a ciencia que estuda as bandeiras- se chama 'Bandeira de Estado'.

O uso da Bandeira de Estado ou Institucional galega, co Santo Graal, está reservado para aqueles lugares e actos oficiais do Presidente, Governo ou Institucións galegas, segundo estipula a Lei 5/1984 de Símbolos da Galiza:

"A Bandeira da Galiza deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma"
Lei 5/1984 de Símbolos da Galiza, Artigo 2.2.

» Le o artigo completo: A Bandeira do Reino Galego


Bandeira da Dinastía Real Sueva da GallaeciaBandeira da Dinastía Real Sueva da Gallaecia

O 15 de Febreiro de 1669 a Cátedra de Lugo apresentou un documento á Xunta Xeral do Reino Galego no que afirma que "(...) de aquí tuvo principio y se originó borrar el Dragón verde y León rojo (armas de los Reyes suevos que al tiempo tenían en este Reyno su corte), y trasladar al dorado campo del escudo de sus armas, la Hostia, no dentro de vaso Sacramental oculta (...)". Este documento foi logo recollido en 1927 por Pérez Constanti no seu libro "Notas Viejas Galicianas".

Tomando como base esta referencia histórica, e de acorde coa descripción da Xunta Xeral do Reino Galego de 1669, comezáronse a reproducir a finais do séc.XX deseños de bandeiras modernas con campo ou fondo dourado sobre o que aparecían dragóns e leóns. O deseño estandarizado máis popular desta bandeira representa un "Dragón verde y León rojo" sobre un "dorado campo", como describía claramente o memorial do Reino de 1669.

» Le o artigo completo: A Bandeira da Casa Real Sueva do Galliciense Regnum


Bandeiras Cristiás Galaicas

Bandeira da Cruz de Santiago de CompostelaBandeira da Cruz de Santiago de Compostela

No ‘Tombo A’ da Catedral de Santiago de Compostela (séc. XII) consérvase unha representación da lenda dunha Batalla de Clavijo entre exércitos cristiáns e musulmáns, onde aparece unha bandeira de cruz vermella en campo branco con borde vermello ondeando sobre a tenda do rei do exército cristián. Esta bandeira, supostamente utilizada como estandarte real do rei Ramiro, está directamente relacionada co culto ao Santo Patrón de Galicia, o Apóstolo Santiago, cuxa tradición mantén que está soterrado na cidade de Santiago de Compostela.

Aquela cruz vermella representada na Catedral de Santiago de Compostela evoluiu en forma dunha espada vermella e foi exportada desde Galicia ata os reinos estremeiros de León, Portugal e Castela como iconografía militar dun apóstolo “Santiago Matamoros” que proporcionaba victorias sobre os musulmáns.

A histórica cruz-espada vermella coñecida polo nome de "Cruz de Santiago" represéntase como unha cruz flory ou floreada de cor vermella sobre fondo branco no que a parte baixa da cruz aparece en forma de espada. Esta cruz vermella militar de Santiago de Compostela é parte histórica da iconografía galaico-xacobea, e xunto ás tradicionais vieiras asociadas á peregrinaxe xacobea, é outro dos símbolos nacionais do país galego.

» Le o artigo completo: A Cruz de Santiago de Compostela


Bandeira da Cruz Azul dos Cruzados GalegosBandeira da Cruz Azul dos Cruzados Galegos

As Cruzadas foron unha serie de campañas militares promovidas pola Igrexa Cristiá nos séculos XI-XIII para conquerir aos musulmáns os territorios da Terra Santa. En 1101, o Papa Pascual II chamou unha Cruzada para enviar reforzos militares ao recentemente establecido Reino cristián de Xerusalem, e nesta cruzada consta a participación dun exército de Cruzados Galegos.

Igual que nos exércitos modernos todos os soldados dun país visten o mesmo uniforme, nos exércitos cruzados os diferentes continxentes nacionais identificábanse pola cor das súas cruces.

O Conde Henrique de Borgoña, gobernador dos condados meridionais da Galiza, participou nas Cruzadas a Terra Santa entre os anos 1103-1105, inmediatamente despois daquela outra expedición galega da Primeira Cruzada que mencionou o cronista Ekkehardus Uraugiensis. Sabemos que á súa volta de Terra Santa o Conde Henrique utilizou como armas heráldicas “de prata cruz firmada de blau”, unha cruz azul sobre campo branco.

É moi posible que esta cruz azul fora utilizada antes que o Conde Henrique como a cor identificativa daqueles cruzados galegos que participaron na Primeira Cruzada, ao igual que outros reinos europeos utilizaban outras cores. Cando o Conde Henrique voltou das Cruzadas no ano 1105, encontrouse esperando na casa o mesmo traballo que viña de facer no extranxeiro, xa que a metade sul do Reino de Galiza estaba en viciña liña de batalla cos territorios musulmáns. Por tanto, semella lóxico deducir que, á súa volta de Terra Santa, o Conde Henrique seguiu a loitar no Mondego coa mesma cruz azul coa que loitara contra os seus inimigos musulmáns en Africa, dando continuidade histórica no Condado Portucalense a unha cruz azul utilizada primeiramente polas tropas galaicas nas Cruzadas a Terra Santa.

» Le o artigo completo: A Cruz Azul dos Cruzados Galegos


Voltar á Páxina Principal