Cronoloxía
do Santo Graal na Galiza
Século
XIII |
Primeiras
representacións conservadas
O Santo Graal, como símbolo do Reino da Galiza, aparece documentado
por primeira vez no Segar's Roll de Inglaterra, datado arredor
do ano 1282. Neste armorial británico das principais casas
reais europeas, o Reino de Galyce aparece representado por
tres graales dourados, descobertos, sobre un campo azur, en combinación
de cores e disposición similar ás posteriores armas
do Reino da Suecia.

Galice - Hérault Vermandois
|
Pouco tempo despois,
no Armorial du Hérault Vermandois, compilado no Reino
da Franza entre os anos 1285 e 1300, aparece un só graal, dourado,
pechado, sobre campo azur: "Le Roy de Galice, dasur a ung
galice dor couvert en magniere dune couppe Azure a covered cup or".
|
Século
XV |
As posteriores
representacións armoriais do Reino galego documentadas mostran
o Santo Graal pechado nun relicario de ouro rematado en cruz sobre
un campo azur. Así volve a aparecer no Codex Bergshammar,
un completo armorial feito en Suecia no ano 1436, onde o Graal galego
está ilustrado baixo o nome Galiscién, e a mesma
representación repítese no Armorial Gymnich de
Flandres, compilado no ano 1445. De finais do século XV consérvase
outra representación máis nun tosco manuscrito da biblioteca
do mosteiro castelán de El Escorial, onde se descrebe
o Reino da Galiza.
|
Século
XVI |
Aparecen
as cruces no campo azur
Modificando as primeiras representacións históricas
simplistas do Graal sobre campo azur, comezan a aparecer novas interpretacións
con barroquismos e engadidos decorativos como cruces ou anxos. No
noso país conservamos en pedra, datadas nos séculos
XV e XVI, múltiples representacións do Santo Graal como
símbolo do Reino Galego: o Hospital Real de Santiago (actual
Hostal dos Reyes Católicos), a porta de San Miguel nas
murallas da Coruña, o Concello de Betanzos, a torre vella e
a porta da Sacristía da Catedral de Lugo, a torre da igrexa
de Noia, a residencia dos Moscoso en Laxe, etc...
Fóra do
noso país, o Graal da Galiza consérvase tamén
representado no célebre Arco de Trunfo do emperador europeo
Maximilian I von Habsburg, feito polo célebre artista alemán
Albrecht Dürer arredor de 1515 como colección dos diferentes
reinos do emperador. Existe outra máis fermosa representación
nun lienzo conmemorativo do funeral do importante monarca europeo
Carlos V, datado polo 1559, onde o Reino da Galiza aparece representado
pola súa bandeira e por un cabalo engalonado coas cores do
Reino. O campo azur sementado de cruces arredor do Graal dourado volta
aparecer nun libro de heráldica datado polo 1581 na cidade
francesa de Lyon. Nesta representación, o cálice aparece
por primeira vez terminando cunha cruz.
|
Século
XVII |
Estandarízase
a decoración con 6 cruces
Durante o século XVII vaise consolidando a decoración
do campo azur cun número de 6 cruces, tres a cada beira do
Graal. Así aparece no mapa orixinal Gallaecia Regnum
do ourensán Fernando Ojea desde 1598, cun Graal pechado que
custodia a Santa Forma no seu interior.
O Graal arrodeado
de seis cruces e deixando ver a Santa Forma no seu interior aparece
de xeito similar no mapa de Ortelius, aproximadamente do mesmo tempo,
e máis nun grabado das armas dos diferentes reinos da Hespaña
realizado polo xeógrafo francés Nolin en 1663.
Deste mesmo século existen outras representacións do
Graal similares ás utilizadas en séculos anteriores,
como o cálice sobre campo sementado de cruces de Giacomo Cantelli
no seu mapa Regno di Galicia de 1696, ou as armas do principado
das Asturias segundo o mesmo autor, que aparecen como una transición
acuartelada das armas do Reino da Galiza (cun simple Graal como nas
primeiras representacións medievais) e das armas castelán-leonesas.

Armas de Galiza, Carta Real de 1552
[Alargar imaxe] |

Galice, en Armes des Royaumes d'Espagne, Nolin, 1663
[Alargar imaxe] |

Regno di Galicia, por Giacomo Cantelli, mapa de 1696
[Alargar imaxe] |

Armas da Galiza no escudo das Asturias, por G. Cantelli, 1696
[Alargar imaxe] |

Graal da Galiza no mapa SudWest Custe von Gallicien,
Gabriel Bodenehr, 1715
[Alargar imaxe] |
Unha séptima cruz sobre o
Graal
A finais deste século comezará a engadírselle
unha cruz á tapa do relicario do Santo Graal. Co tempo, esta
cruz acabou separándose do cálice e sumouse de forma
independente ao resto das outras seis cruces que arrodeaban o Graal.
Algúns autores espallaron unha especulación incorrecta
que relacionaba o número de cruces arredor do Graal cun número
de provincias ou cidades do Reino da Galiza da Idade Moderna. Iso
non é certo. As cruces que arrodean o Santo Graal foron engadidas
por simples motivos decorativos, sen nengunha significación
provincial.
|
Século
XVIII |
Bandeira
Militar: o Santo Graal sobre campo vermello
No ano 1571 o Reino da Galiza participou coa súa propia flota
na Batalla de Lepanto. A Armada Galega ondeou a súa propia
bandeira no combate naval, unha bandeira de campo vermello, co Graal
no centro e cun anxo a cada beira del. A seguinte representación
nun contexto militar do Graal sobre campo vermello da que temos constancia
aparece no séc. XVIII, como Armas do
Regimiento de Galicia. Este rexemento militar galego ten a súa
orixe no Terzo de Lombardía do ano 1534, e
nos seus intermitentes séculos de existencia participou en
campañas militares en Escocia, Savoia, Piamonte, Arxentina,
España e Franza. A actual bandeira de Mondoñedo,
na que tamén figura o Cálice dourado sobre fondo vermello,
é da mesma maneira a herdeira do estandarte militar portado
polo vello Rexemento Provincial de Mondoñedo na segunda metade
do século XVIII.
Por qué un fondo vermello, en vez do fondo azul, para contextos
militares? Na tradición militar europea, o vermello é
unha cor frecuentemente asociada aos contextos militares. O sangue
é de cor vermella, e nas guerras os soldados están dispostos
a derramar o seu sangue en batalla. Eis a razón pola cal, en
contextos militares, o tradicional campo azul da bandeira é
substituído por un campo vermello.
Bandeira
Naval: O Graal sobre campo branco
Durante este mesmo século XVIII comeza a xurdir outra nova
representación do Graal da Galiza, dentro de contextos navais,
onde o cálice dourado de cor branca vai, sobre campo branco,
acompañado por tres cruces vermellas a cada beira. Así
aparece como pabellón marítimo na Encyclopédie
de Diderot et d'Alembert: "Pavillon de la province de
Galice: il est blanc, chargé au milieu d'un calice ou
coupe couverte d'or, accompagné de six croix rouges, trois
de chaque côté". Con similar
bandeira branca
volta aparecer o Graal, outravolta nun contexto naval, ondeando nunha
fragata dos Estados Unidos de América de final do século
XVIII.
O uso desta variante naval de campo branco durante o século
XVIII xestará confusión no século XIX entre autores
que, esquecendo o tradicional campo de cor azur, comezarán
a afirmar que a antiga bandeira galega era branca, sen dúbida
facendo referencia á bandeira naval nacida no século
XVIII.
Por qué un fondo branco, en vez do fondo azul, para contextos
navais? Orixinalmente, o propósito das insignias ou bandeiras
navais era o de poder identificar a nacionalidade do barco en cuestión.
Por esta razón, a bandeira debería ser claramente identificable
no mar. As bandeiras de campo azul confúndense coa cor do mar
e non son fáciles de detectar durante a navigación.
Así, na tradición naval europea non existen bandeiras
navais de campo azul. O campo de bandeira naval máis frecuente,
pola súa facilidade de identificación, é o vermello
ou o branco, que é a cor que se lle aplicou ao campo da antiga
bandeira galega desde o século XVIII para ser izada en contextos
marítimos.
|
Século
XIX |
O Graal, substituído pola matrícula da Comandancia Naval
da Coruña
O século XIX comeza na Galiza coa guerra contra Franza e co
inicio da enorme sangría migratoria de galegos para as américas.
Aínda que neste século tamén comezará
o Rexurdimento cultural, o panorama económico e político
xeral na Galiza é de gran depresión. Serán os
galegos residentes no exterior, gozando dun maior benestar económico
que os que quedaron na Galiza, os protagonistas de boa parte das iniciativas
culturais do Rexurdimento. Entre estas, está a adopción
da matrícula da Comandancia Naval da Coruña como nova
bandeira galega, en substitución da histórica insignia
do Reino da Galiza. A partir de aquí, o Santo Graal quedará
relegado a unha representación exclusiva en forma de escudo.
|
Século
XX |
O
Graal volta a ondear en bandeira
Os estudos históricos na Galiza ainda estaban na súa
infancia e faltaba unha sólida tradición académica
galega con capacidade para promover o uso do milenario símbolo
tradicional galego.
A comezos do século XX, o arquiveiro da Real Academia Galega,
César Vaamonde Lores, lembraba no Boletín da Academia
que "Os lexítimos esmaltes do escudo da Galiza son:
cáliz de ouro e hostia de prata sobre campo azur. Hai nembargantes
quen persiste en describilos e pintalos de moi distinta maneira",
e queixábase de que a antiga Bandeira da Galiza "vése
nestes tempos substituida pola da matrícula da Coruña".
Esta situación de confusión social sobre a bandeira
tradicional galega tamén afectou ao Galeguismo histórico,
segundo escribiu Castelao en 1937: "Lémbrome de que
nas longas discusións que na nosa Terra se promoveron encol
da Bandeira tradicional da Galiza, ninguén acertou a demostrar
cómo era e cáles eran as súas coores. Somentes
os que calabamos sabiamos que a Bandeira tradicional da Galiza nin
era branca coa cruz de Sant-Iago no centro nin era azul e branca".
Foi así que a matrícula da Comandancia Naval da Coruña
acabou convertíndose nunha nova bandeira galega, entre un descoñecemento
xeralizado sobre a bandeira histórica da Galiza, e o agravante
da imposición de dúas dictaduras españolas, a
de Primo de Rivera primeiro e a de Franco despois, que dificultaron
e mesmo prohibiron a publicidade dos símbolos nacionais da
Galiza.
Coa
volta da Democracia, a Real Academia Galega estandarizou a representación
oficial actual do Santo Graal da Galiza tal como o utilizamos hoxe,
e propuxo á Xunta da Galiza de conservar a memoria da bandeira
galega histórica dentro da bandeira galega moderna. O resultado
foi a superposición do milenario Graal galego sobre a nova
bandeira nacional civil, formando o que en Vexiloloxía -a ciencia
que estuda as bandeiras- se chama 'Bandeira
de Estado'.
Bandeira nacional civil |
Armas do Reino galego |
Bandeira de Estado ou institucional |
|
O uso da bandeira de estado ou institucional galega, co Santo Graal,
está reservado para aqueles lugares e actos oficiais do governo
e institucións galegas, segundo estipula a Lei 5/1984 de
Símbolos da Galiza:
"A Bandeira da Galiza deberá levar cargado o escudo
oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais
da Comunidade Autónoma"
Lei 5/1984 de Símbolos da Galiza, Artigo 2.2.

*
* * * *
Como parte desta iniciativa pola recuperación dos símbolos
históricos galegos, poñemos a disposición vosa
unha reproducción contemporanea da bandeira histórica
do Reino da Galiza, para que todos aqueles interesados na simboloxía
e na identidade galega poidades seguir ondeando ao vento o estandarte
azul desta milenaria nación europea.
*
* * * *
|
|