Cronoloxía
histórica do Farum Brigantium, símbolo da Coruña
Reino
Céltigo de Brigantia
Séc.II-I adC |
Faro
de Brigantia: primeiro nome histórico do Faro
Conservamos referencias históricas de que o territorio onde
se encontra o Faro pertencía a unha entidade política
ou reino de Brigantia que existiu antes da invasión
romana. A extensión aproximada deste reino brigantino abranguería
parte do Golfo Ártabro e Costa da Morte, e hai indicios históricos
de que a súa capital, a cidade de Brigantia ou Flavium Brigantium,
tería sido a actual cidade de Betanzos, que daquela tiña
porto navegable.
Na relixión
celta, Brigantia era o nome dunha importante deusa, e a palabra
[Briga-], na antiga lingua céltiga, significaba "elevado"
ou "sagrado". Ademáis da Brigantium galega,
no Atlántico tamén había outros reinos de Brigantia
na Irlanda e Gran Bretaña.
Desde a Idade do Bronce existiu un intenso comercio marítimo
entre as fisterras atlánticas, e a cidade galega de Brigantia
era un importante porto do tráfico comercial coas illas británicas.
É probable
que a entrada da ría á cidade de Brigantia contase cun
sistema de simples emprazamentos ou mesmo pequenas torres para vixianza
e alerta do oppidum ou cidade principal do reino brigantino.
A máis estratéxica desas atalaias, situada no exterior
da ría, na península da Coruña, convertiríase
anos despois no que se deu en chamar Farum Brigantium ou Faro
de Brigantia, e que hoxe coñecemos co nome de Torre de Hércules.
Deste periodo histórico do Reino de Brigantia orixinou a lenda
máis antiga que se conserva sobre o Faro --a lenda do Rei Breogán
e da conquista de Irlanda-- e deste tempo tamén data o primeiro
nome histórico do Faro, Farum Brigantium ou Faro de
Brigantia, que é o nome polo que se coñeceu ao Faro
durante toda a Idade Antigua e Idade Media.
|
Gallaecia
romana
Séc.I-V dC |
Constrúese
o faro romano
Os romanos invadiron Galicia atraídos pola súa riqueza
comercial e mineral, ademáis de pola súa situación
estratéxica na ruta comercial atlántica. O historiador
romano Cassius Dio menciona na súa obra Historia de Roma
a arribada á "Brigantium, cidade da Gallaecia"
da armada do famoso xeneral Xulio César no ano 62 adC. O xeógrafo
grego Claudius Ptolemaeus dá tamén conta da riqueza
comercial da capital brigantina, ao describir na súa obra Xeografía
do século II dC a cidade de Flavium Brigantium como
"o grande porto dos Galaicos Lucenses".
Durante a ocupación
romana desenvolvéronse novas infraestruturas e melloráronse
as xa existentes, incluídas as torres de vixianza ou de sinalización
marítima do Atlantico. Dous destes faros atlánticos
construídos na época romana consérvanse na actualidade:
o de Dubris (Dover) en Britannia,e o de Brigantia en Gallaecia. Destes
dous, o faro bergantiñán é o único faro
da época romana que aínda continúa en funcionamento.
O Farum Brigantium ou Faro de Brigantia foi edificado no século
II dC por Caius Servius Lupus, un arquitecto de Aeminium (Coimbra)
na Lusitania, que deixou unha inscripción conmemorativa nunha
rocha ao pé da torre. A nova torre era máis alta que
a probable construcción anterior, cuns 30 metros de altura
e tres andares, e polo seu interior subía unha rampa de acceso
ao alto do faro. O edificio era de planta cadrada e tiña fiestras
e portas na fachada, algunhas das cais aínda se conservan no
interior.
|
Gallaecia
Regnum
e
Reino de Galicia
Séc.V-XV |
Incursións
escandinavas e uso militar da torre
Cara o ano 407 os exércitos de Roma marchan da Gallaecia e
nace así un reino galaico gobernado por unha monarquía
sueva. Dos primeiros anos deste reino suevo da Gallaecia fálanos
a Historia adversum Paganos do historiador galaico Paulo
Orosio, que menciona o faro de Brigantia relacionándoo coa
navegación a Gran Bretaña: Brigantia, cidade
da Gallaecia, onde se ergue un faro moi alto que mira cara Britannia.
Na Europa, a Baixa Idade Media foi un periodo de guerras territoriais
e inestabilidade política que perxudicou gravemente ao comercio
atlántico. Os principais socios comerciais da Gallaecia, Gran
Bretaña e o Mediterráneo, vivían tempos inseguros
polas invasións de saxóns e árabes respectivamente.
Anos máis tarde, o Atlántico sufriu incursións
de escandinavos e normandos e isto tamén afectou a Brigantia.
No ano 844 unha
armada de 150 barcos escandinavos atacou Galicia e devastou Brigantia,
ainda que a incursión foi finalmente rexeitada polo rei Ramiro
nunha batalla na ría do "Farum Brecantium",
segundo describe a Crónica Rotense. A partir deste intento
de invasión construíronse torres de vixianza e defensa
por toda a costa galega, e o Faro brigantino convertiuse nun posto
militar destinado a alertar á cidade de Brigantia do avistamento
de flotas normandas. Ainda así, no ano 1015 colouse outra armada
escandinava comandada polo futuro rei de Noruega Olaf Haraldsson,
que foi directamente á importante capital brigantina hoxe chamada
Betanzos e deixouna destruída.
Durante este periodo medieval, a Torre de Brigantia sufriu grande
deterioro tras o derribo de parte do seu muro exterior. Descoñecemos
se a causa dese deterioro foi debida a danos militares recibidos tras
un ataque, a un derrube natural, a un periodo de abandono, o a unha
combinación destes factores.
Aparece a lenda atlántica
de Breogán
Arredor
do ano 1050 compilouse en Irlanda o Leabhar Gabhála Éireann
ou Libro das Invasións de Irlanda. A obra é unha
historia irlandesa que mestura acontecementos históricos con
antigas tradicións bárdicas preservadas na sociedade
irlandesa e recollidas polos monxes. O Leabhar Gabhála conta
que un rei Breogán da cidade de Brigantium construiu unha torre
de vixianza, chamada Tor Breoghain ou Torre de Breogán,
desde onde un día outeou unha nova terra en dirección
norte. Os seus descendentes, Ith e Mil, reuniron un exército
e partiron á conquista da nova illa, que eles chamaron Irlanda.
Esta lenda, compilada no país gaélico viciño,
era tamén coñecida en Galicia grazas aos intercambios
comerciais que a cidade de Brigantia mantiña con Gran Bretaña
e Irlanda. Unha proba disto é un texto galego escrito entre
os anos 900 e 1000 (case un século antes que o Leabhar Gabhála)
chamado Trezenzonii de Solistitionis Insula Magna, que relata
cómo o monxe Trezenzonio subiu á torre de Brigantia,
desde onde puido albiscar unha illa maravillosa moi ao lonxe no mar,
e decidiu embarcarse para ir visitala, igual que fixeron os descendentes
de Breogán, Ith e Mil.
A lenda gaélica-galaica da Torre do Rei Breogán de Brigantia
é a primeira e a máis vella tradición que se
conserva a respecto das orixes do Farum Brigantium, ademáis
de ser un
caso exemplar de mitoloxía compartida entre estes dous
países atlánticos.
Decadencia de Brigantium
e emerxencia da Crunia
Ata chegar á Idade Media, a cidade de Brigantium (cuxo nome
evoluiu fonéticamente de Brigantium » Breganzo
» ao medieval Betanzos) era a capital comercial e política
do seu territorio, e o Farum Brigantium era a torre que vixiaba
e guiaba a navegación na entrada da súa ría.
A inestabilidade política, invasións e guerras da Idade
Media provocaron inseguridade e un certo estancamento do outrora intenso
comercio atlántico. A capital de Brigantia entrou en decline,
e con ela o seu faro.
Tamén durante a Idade Media, o nacemento da ría de Betanzos
foi acumulando sedimentos que fixeron que o antigo porto brigantino
xa non tivese fondo dabondo para acoller grandes barcos. Así,
cando o Rei Afonso IX de Galicia e León decidiu revitalizar
a zona no ano 1208, escolleu un novo lugar, ermo ou pouco poboado,
máis próximo da saída da ría: "Como
pola utilidade do meu reino estou construindo de novo unha nova poboación
perto da Torre do Faro, no lugar que se chama Crunia". Esta
Crunia ou Cruña estaba destinada a ser o relevo maritimo da
xa decadente Flavium Brigantium.
A orixe do nome da Cruña é discutida, pero as teorías
máis consistentes desde un ponto evolutivo etimolóxico
apuntan cara o céltico "Clunia", que ven significando
"pradeira".
Os reis sucesivos foron outorgando á nova poboación
da Cruña privilexios que favorecían o desenvolvemento
económico, especialmente a exención de impostos e o
permiso de libre comercio con Inglaterra. A nova cidade emerxeu rápidamente
como o principal porto do Golfo Artabro, e a ría voltou renacer
como o grande centro comercial atlántico da Gallaecia que fora
outrora con Brigantia. No século XV, o porto da Cruña
convertírase xa no primeiro porto do Reino de Galicia e nun
dos principais portos comerciais da Europa, e o seu flamante faro
era o seu símbolo internacional de prosperidade.
Primeiras representacións
gráficas do Farum
A representación
gráfica máis antiga que coñecemos do faro brigantino
data do ano 1086 e encóntrase no Códice do Burgo de
Osma, aparecendo a torre no norte da Gallaecia, co nome de Faro,
entre o Santuario de Santiago e as illas de Britannia e Irlanda.
No mapa medieval máis grande do mundo, o Mappa Mundi de Hereford,
Inglaterra, do redor do ano 1300, aparece igualmente a torre brigantina
representada dunha maneira destacada, situada na costa, a carón
de Santiago de Compostela, e cun lume ardendo no alto do faro para
guiar a navegación.
O nome máis común do faro durante a Idade Media adoita
facer referencia á súa pertenza á cidade brigantina:
Farum Bregantium, Farum Brecantium, Farum Pregantium,
Faro Brigantio... Coa emerxencia da nova cidade da Cruña,
vai desaparecendo a referencia bergantiñán e o simple
Faro acaba quedando cunha variedade de nomes como Castelo
ou Castelo Vello ata que no século XIX e XX rebautízase
o faro co nome de "Torre de Hércules".
Escríbese en Castela o mito de Hércules

O rei castelán Alfonso X
|
Uns douscentos
anos máis tarde que o Libro das Invasións de Irlanda,
escríbese na corte de Castela a finais do século XIII
unha Cronica General que recurre á mitoloxía
mediterránea para elaborar unha historia do faro brigantino.
O mito bota man do heroe grego Hércules, que tería loitado
durante tres días contra un xigante de Troia chamado Gerión,
ao que finalmente venceu. Para celebrar a súa victoria, o grego
construíu a torre e trouxo un grupo de xente para que crearan
unha cidade. Di o mito castelán que esa xente foi traída
da Galatia, na Anatolia, e que "por esso fue llamada aquella
tierra Galizia".
Esta lenda inspirada na mitoloxía mediterránea será
promocionada durante o século XIX e XX, cando o faro da Coruña
é rebautizado co nome de "Torre de Hércules".
|
Século
XVI |
Primeiras
representacións da Torre como Escudo da Cidade
A primeira representación
coñecida do Escudo da Coruña data do ano 1448, nun pequeno
selo circular de 5 cm validando un seguro comercial outorgado polo
Concello a un mercader portugués. Aquí, o faro aparece
rematado cunha bóveda semicircular, cun farol pendurado no
alto da torre, e cunha cuncha acompañando a torre a cada beira.
Do ano 1552 consérvase
outra representación do escudo, nunha Carta Real executoria
do rei Carlos V. Neste deseño, con máis detalle, represéntase
o mar, a rampa que sube polos muros da torre -que termina en bóveda
semicircular-, e o farol con lume pendurado no alto do faro. Baixo
da torre aparece unha cabeza de rei coa súa coroa, e o conxunto
arrodéase por oito cunchas vieiras.
As seguintes representacións,
como a do Escudo de pedra das escaleiras do Pazo do Concello da Coruña,
do século XVI, adoitan mostrar, con algunhas variacións,
a Torre coa súa rampa exterior, o farol pendurado no alto do
faro, a cabeza embaixo da torre, e sete cunhas vieiras acompañando
ao Farum. Algúns escudos, como o das escaleiras do Pazo do
Concello e o do Xardíns de San Carlos, engaden sobre el o Santo
Graal do Reino de Galicia.
|
Século
XVII |
Volve
reaparecer a lenda de Breogán
En
decembro do ano 1601 os irlandeses perden a Batalla
de Kinsale contra Inglaterra e o país gaélico entra
nos seus Séculos Escuros. Centos de nobres gaélicos,
coas súas familias, vense obrigados a abandoar Irlanda para
evitar represalias das forzas gañadoras. Este exilio masivo
de irlandeses arribou principalmente ao porto da Coruña, viciño
xeográfico de Irlanda, e moitos deles decidiron quedar a vivir
nesta terra, que tanto lles lembraba á que tiveran que abandoar.
Un destes novos gaélico-galaicos era o Conde Hugh O'Donnell,
que escapou de Castlehaven o 6 xaneiro 1602 e arribou á Coruña
no 14, onde foi recibido con todos os honores. Segundo a Popular
History of Ireland, un dos primeiros actos protocolarios de
ODonnell foi "ir visitar a Torre de Betanzos, desde
onde, segundo lendas bárdicas, os fillos de Milesius partiron
na busca da Illa do Destino".
Esta crónica
da chegada do Conde O'Donnell, que quedou a vivir na Coruña
ata a súa morte ese mesmo ano, refírese ao faro coruñés
como Torre de Betanzos en clara alusión ao seu histórico
nome de Farum Brigantium ou Torre de Brigantia. Deste mesmo
século XVII data un escudo betanceiro coa lenda "Antigua
Brigantium", ademáis do mapa do Reino de Galicia do
xeógrafo Giacomo Cantelli onde aínda aparece a cidade
de Betanzos xunto ao seu antigo nome, Flavium Brigantium, xa
de menor importancia que o grande porto de Corunna e a súa
"Torre di ferro" ou Torre do Faro.
O feito de que o Conde O'Donnell fose levado de visita ao faro brigantino
mostra que a lenda da colonización galega de Irlanda aínda
seguía a ser coñecida en Galicia no século XVII,
tres séculos antes de que se popularizara a figura de Breogán
no hino nacional galego. Tamén neste século XVII circula
por Galicia a historia dun rei Gatelo (galeguización
do nome gaélico Gaedhel), que fundou a cidade de Brigancia,
casou coa princesa Scota, e logo foi colonizar a Irlanda e
Escocia. Logo, no século XVIII, o nome deste rei xa é
mencionado co nome de Brigo, e no século XIX popularizarase
o coñecido nome de Breogán.
Outro
periodo máis de abandono
O século XVI foi un periodo de recesión económica
por culpa das guerras que España mantiña contra os principais
socios comerciais do Reino de Galicia --Inglaterra e Flandres-- ademáis
das consecuentes subas de impostos e levas militares. O faro volveu
sufrir un periodo de abandono e deterioro, como pon de manifesto a
crónica que conta a visita do Conde irlandés O'Donnell
en 1602 a "os restos da torre".
No ano 1682, o gobernador do Reino de Galicia, Duque de Uceda, procedeu
a unha reparación do estado do Castelo Vello, como así
se chamaba o antigo faro naquel tempo. Os traballos foron dirixidos
polo arquitecto Amaro Antunez, que fixo reparacións xerais,
construiu dúas pequenas torres no alto, e máis unha
escaleira interior de madeira para comunicación entre os diferentes
andares da torre.
|
Século
XVIII |
Peticións de reparación
e Cornide Saavedra

O ilustrado galego Joseph Cornide Saavedra e Folgueiras
|
Desde finais do
séc.XVI e todo o séc.XVIII sucédense as peticións
ao goberno español para que o faro fose reparado, peticións
que foron apoiadas polos tradicionais socios comerciais marítimos
do Reino de Galicia --Inglaterra, Flandres e Holanda-- através
dos seus cónsules na Coruña. As peticións galegas
non foron tidas en conta ata finais do século XVIII, cando
o rei español Carlos III por fin accede ás demandas
de reparación do faro, que daquela tiña en potestade
a Provincia Marítima de Ferrol, dependente á súa
vez do Ministerio de Guerra.
Entre todas as peticións e iniciativas a prol da reparación
do Faro, destaca pola súa transcendente influencia o traballo
de investigación
histórica do ilustrado galego Joseph Cornide Saavedra e
Folgueiras, que adicou tres décadas da súa vida a compilar
o estudo máis extenso ata daquela realizado sobre a historia
do Faro. As investigacións de Cornide serviron como asesoramento
para a restauración final da Torre en base á feitura
arquitectónica histórica da construcción.
Realízase
a reconstrucción final do Faro
As demandas de reparación do Faro foron finalmente aprobadas
en 1788 polo rei Carlos III, e a nova torre en estilo neoclásico
tal como a coñecemos hoxe foi rematada no ano 1791 polo enxeñeiro
do arsenal de Ferrol Eustaquio Giannini.
» A obra engadiu unha nova construcción no alto da torre,
destruíndo o antigo teito semicircular e substituíndoo
polos dous andares octogonais onde se situou a linterna do faro.
» A estrutura interna da torre foi xeralmente conservada, coa
excepción da construcción da nova escaleira en sillería
que comunica todos os andares da torre.
» A estrutura exterior foi completamente refeita, engadíndose
as fiestras neoclásicas e as características bandas
diagonais que suben polo muro, feitas estas, dínos Cornide,
para conservar o recordo daquela rampa exterior que tiña a
torre.
|
Séculos
XIX - XXI |
O
Farum Brigantium pasa a chamarse "Torre de Hércules"
Sabemos que durante
a Idade Antiga e a Idade Media o Faro coñeceuse polo nome de
Farum Brigantium ou Faro de Brigantia, e que, tras a decadencia
da cidade de Flavium Brigantium e emerxencia da Cruña,
a torre comezou a ser coñecida por diferentes nomes como "Faro"
ou "Castelo Vello".
No ano 1792, o erudito Joseph Cornide confirma que existen "fábulas"
que atribúen a fundación da Torre ao grego Hércules
da Crónica General castelá, e tamén a
un rei Brigo que colonizou Irlanda, mais reprocha el que o verdadeiro
fundador do faro, de coñecelo, habería que atribuirllo
ao emperador Traianus que era quen gobernaba naquel tempo no Imperio
Romano.
Probablemente o ilustrado coruñés estaría contento
de que o monumento histórico da súa cidade se coñecese
por todo o mundo como "Faro da Coruña", pero
o traballo divulgatorio do hispanista e membro da Real Academia Española,
Ramón Menéndez Pidal (18691968), xunto á
fascinación do público romántico polo mundo grego
e as personaxes mitolóxicas, terminaron con que "Torre
de Hércules" acabase por convertirse no nome moderno
do faro brigantino.
Durante o Rexurdimento
do século XIX e comezos do XX, os primeiros galeguistas promocionaron
tamén a figura do Rei Breogán de Brigantia, fundador
galego de Irlanda, que, con diferentes nomes, seguía presente
no imaxinario galego. Eventualmente, coa axuda do Bardo Eduardo Pondal
e o Presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, as
fazañas de Breogán valéronlle un posto de honra
no Hino Nacional de Galicia, pero o rei bergantiñán
perdeu a partida do bautizo moderno da súa torre, que lla gañou
o heroe mediterráneo.
Aínda perdendo o nome da súa Torre, Breogán recibiu
unha xusta homenaxe do Concello da Coruña, que situou ao redor
do faro unha estatua do Rei de Brigantium feita por Xosé Cid,
un mosaico alegórico cos símbolos dos países
celtas feito por Correa Corredoira, e un conxunto de pedrasfitas erixido
por Manolo Paz que simboliza a Cultura Megalítica Atlántica
que comparten todas as fisterras celtas.
Patrimonio da Humanidade
Desde
a reconstrucción de 1788, a nova torre de estilo neoclásico
quedou igual que a vemos hoxe, con apenas algunhas modificacións
e melloras estéticas, salientando o acondicionamento turístico
da Agra do Castelo Vello, como así se chamaba a toda
a zona que está arredor do Faro.
O Faro da Coruña é o único faro do mundo que
leva en funcionamento durante dous milenios.
Igual que Xerusalém era o grande centro de peregrinación
do mediterráneo e Santiago de Compostela en Galicia era o grande
centro de peregrinación do Atlántico, o Faro da Coruña
era o principal faro do Atlántico como o Faro de Alexandría
era o principal faro do mediterráneo.
O Faro da Coruña é tamén o centro dunha milenaria
mitoloxía que sitúa aquí as orixes históricas
do nacemento da Irlanda, un próspero Estado membro da Unión
Europea e unha das nacións máis coñecidas en
todo o mundo. O Faro da Coruña é un exemplo milenario
de mitoloxía compartida entre dous países atlánticos.
Pola súa vital importancia para millóns de navegantes
e comerciantes do Atlántico durante os pasados dous mil anos,
e pola súa milenaria tradición mitolóxica que
sitúa neste lugar a fundación da Irlanda, o Faro da
Coruña merece o seu título de Patrimonio
da Humanidade pola UNESCO.
Mostra o teu apoio ondeando a bandeira da Coruña! |
|