| »
In English » Castellano » Português |
||
Datas
de Izado da Bandeira GalegaA Bandeira nas celebracións comemorativas nacionais Contidos nesta sección: » Que é o "Día de Izado da Bandeira"? » Introducción ás tradicións da bandeira nos países de Europa » Proposta de datas de izado da Bandeira Galega |
| Que
é o "Dia de Izado da Bandeira"? Os días de Izado da Bandeira son datas festivas ou comemorativas nas que a bandeira dun pais é izada oficialmente polas institucións públicas e polos cidadáns en sinal de celebración, memoria, ou respeito. Internacionalmente, estes días coñécense co nome de "Flag Flying Days". Os exemplos máis comúns de datas de izado da bandeira son os días nacionais, as festas de significación cultural ou de orixe relixiosa, e a celebración de armisticios ou de tratados de paz. Todos os países do mundo regulan por Lei, en maior ou menor profundidade, os usos públicos e privados dos seus símbolos nacionais. O regulamento protocolar do uso e tratamento da bandeira nacional pode incluir instruccións precisas sobre como izar correctamente a bandeira, como gardala, cando izala, en que ocasións, en que posicións, etc. Algúns exemplos publicados no internet de países que regulan detalladamente o uso da sua bandeira son Australia, Canadá, ou Finlandia. No noso país, definición e os usos da bandeira galega estan regulados pola Lei 5/1984 de Símbolos de Galiza do 29 Maio 1984. |
| Proposta
de Datas de Izado da Bandeira Galega Cada país ten os seus días nos que é tradicional izar a bandeira, tanto polas autoridades públicas como por aqueles cidadáns a título individual que así o desexen. As datas de izado da bandeira son normalmente festas nacionais, celebracións de orixe relixiosa ou comemoracións militares. Nos países escandinavos, por exemplo, os días oficiais de izado da bandeira son anunciados cada ano polo governo e publicados nos seus websites e nos calendarios e almanaques. En Galiza non temos días oficiais de izado da bandeira como en Escandinavia, mesmo se dun xeito similar o Governo de Galiza anuncia todos os anos o calendario laboral da Comunidade Autónoma nun decreto publicado no Diario Oficial de Galiza. Baseados no criterio de comemorar as festas oficiais existentes e mais outras non-oficiais que forman parte coñecida da historia e cultura galega, suxerimos a continuación unha proposta de datas de izado da Bandeira Galega (orde cronolóxica): Festividades e comemoracións nacionais: Maio 17 - Día da Lingua e das Letras Galegas. Xuño 28 - Primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, 1936. Xullo 25 - Sant-Iago, Día Nacional de Galiza. Agosto 17 - Día dos Mártires Galegos. Setembro 17 - Coroación de Afonso Raimundes Rex Gallaeciae, restauración da Dinastía Real Galaica. Decembro 21 - Segundo Estatuto de Autonomía de Galiza, 1980. Festividades relixiosas: 49 días antes da Páscoa - Entroido ou Carnaval. Primeiro domingo após a lua chea seguinte ao equinocio de primavera - Páscoa ou Venres Santo. Maio 1 - Os Maios. Xuño 24 - San Xoán. Novembro 1 - Todos os Santos. Novembro 11 - San Martiño. Decembro 8 - Imaculada Conceición. Decembro 25 - Día de Nadal. Festividades civís: Xaneiro 1 - Día de Ano Novo. Maio 1 - Festa do Traballo. Comemoracións militares: Xaneiro 14 - Acollida galega dos refuxiados irlandeses da Batalla de Kinsale, 1602. Abril 3 - Batalla de Nájera, vitoria da alianza atlántica sobre a coalición mediterránea, 1367. Abril 26 - Batalla de Cacheiras e Mártires da Liberdade, 1846. Xuño 8 - Batalla de Ponte San Paio: Liberación de Galiza da ocupación francesa, 1809. Setembro 1 - Batalla de Tamarón, destronamento da dinastía real galaica, 1037. Decembro 17 - Execución de Pardo de Cela, comezo dos Séculos Escuros, 1483. |
|
Significación
das festividades e datas de comemoración nacional |
Significación
das datas e festividades relixiosas e civís Festividades
relixiosas:En todos os países de Europa existen unha serie de datas no calendario marcadas anualmente como días festivos. Orixinalmente, esas datas correspondían con celebracións relixiosas cristiás ou cristianizadas. Nos tempos actuais, unha parte da povoación galega aínda celebra estas festas desde a sua dimensión relixiosa, mentres que para outra parte da povoación a data é unicamente interpretada como un día de lecer do calendario. Independentemente das crenzas relixiosas de cada quen, os países con tradición de izado de bandeira toman a natureza festiva do día como ocasión para engadir máis cor á data izando a bandeira nacional. As principais datas no calendario relixioso galego (ritos cristián-católico e céltico) son: Entroido ou Carnaval, de carne vale, última oportunidade de excesos carnais e festexos profáns antes do periodo triste da Coaresma (data variable, celebrada 49 días antes da Páscoa), Páscoa ou Venres Santo, resurreción do Cristo (data variable, celebrada no primeiro domingo despois da lúa chea seguinte ao equinocio da primavera); Os Maios ou festa da fertilidade (1 Maio); San Xoán ou solsticio do verán (24 Xuño); Todos os Santos ou Samain,
día dos mortos (1 Novembro); San Martiño, equinocio
do outono e de festas agrarias como a Matanza (11 Novembro); Imaculada
Conceición ou imunidade da Virxe María do pecado original
(8 Decembro); Día de Nadal ou nacimento do Cristo (25 Decembro).
Estas festas relixiosas coinciden en data co calendario dictado pola Igrexa
Católica Romá, que representa o rito cristián maioritario
entre a povoación galega. Algunhas destas festividades comparten
unha dobre significación cristiá e non-cristiá. A significación
relixiosa non-cristiá destas festividades é habitualmente
referida como pagá ou céltica, e tamén
coincide en data con outras antigas tradicións conservadas noutras
partes de Europa; por exemplo Os
Maios (celebrados tamén en Gran
Bretaña e Irlanda);
os lumes de solsticio ou de San
Xoán (celebrados tamén en Gran
Bretaña, Irlanda
e Escandinavia);
Todos
os Santos ou Samain, levado polos irlandeses á América
e desde aló reconvertido na festa carnavalesca do Halloween);
o equinocio e fin do calendario agrícola en San
Martiño (tamén celebrado en Escandinavia,
Irlanda
e Gran
Bretaña).Festividades civís: Xunto ás anteriores celebracións de orixe relixiosa, o calendario festivo ten tamén un número de ocasións civís, sendo as máis importantes o Día de Ano Novo (1 Xaneiro) e a Festa do Traballo (1 Maio). O primeiro semella obvio, por razóns practicas, moi pouca xente estaría en condicións de ir traballar imediatamente despois dos excesos cometidos na noite de esmorga anterior. A segunda festividade, o 1 de maio, é unha celebración dos direitos civís de todos os traballadores, celebrada en maior ou menor oficialidade por toda Europa e outros países do mundo. |
| Significación
das datas de comemoración militar Setembro 1, Batalla de Tamarón, destronamento da Dinastía Real galaica, 1037: O
Rei Vermudo II de Galiza e León e o seu vasalo o Conde Fernando I
de Castela medraran en desacordo irreconciliable sobre os límites
territoriais do seu condado castelán. A guerra entre rei e vasalo
estalou no ano 1037 e para Setembro os dous exércitos enfrentábanse
na Batalla de Tamarón, en terras castelás. Consérvanse
poucos escritos históricos con detalles desta batalla, que algunhas
fontes datan no 1 Setembro e outras datan tres días máis tarde.
Fernando de Castela contaba coa axuda militar do seu aliado político,
o rei García de Navarra. Segundo as crónicas castelás
de Silos, "Ya los dos ejércitos se miraban retadores con
las armas deslumbrantes, cuando Vermudo, lleno de audacia y de osadía,
clava el aguijón de la espuela a su famoso caballo Pelagiolo y, ansioso
de lucha, parte con rápida carrera, tensa la lanza, entre las apretadas
filas del enemigo; pero la muerte acerba, a quien ningún mortal puede
vencer, le echa por tierra en aquel impetuoso galopar, mientras el feroz
García y Fernando arrecian en la lucha, cayendo en torno a él
siete de sus más fuertes guerreros". A dinastía real
galaica de Galiza e León recebeu unha importantísima derrota.
Morto Vermudo, unha nova dinastía navarro-castelá se apropriou
do trono de Galiza e León. En principio, esto podería parecer
somente un pequeno accidente histórico, xa que menos dun século
máis tarde os galegos volvían recuperar os seus tronos de
Galiza e León con Afonso
Raimundes. Mais a colada daquela dinastía navarro-castelá
nos reinos de Galiza e León tras a Batalla de Tamarón tivo
graves repercusións posteriores. Aplicando a fórmula "dividir
é vencer", a entrante monarquía navarro-castelá
partiu intelixentemente ao Reino de Galiza en dous, separando o condado
galego de PortuGal do resto do Reino e afeblecendo así as posibilidades
de reacción militar. Aínda ben, os galaicos tardaron menos
dun século en endireitar a situación, desaloxando á
dinastía navarro-castelá e restaurando a sua tradicional hexemonía
política nos tronos de Galiza e León para os seguintes tres
séculos. Mais a Batalla de Tamarón foi a grande desfeita que
permitiu que por primeira vez na historia un monarca castelán sentase
no trono de Galiza, e causou que parte meridional da Gallaecia -o condado
de entre Douro e Minho- primeira capital do Galliciense Regnum, hoxe esté
separada do resto de Galiza. O 1 Setembro 1037 foi unha data desafortunada
que hipotecou a evolución histórica da Galiza e que non se
debe esquecer.Abril 3 - Batalla de Nájera, vitoria da alianza atlántica sobre a coalición mediterránea, 1367: Durante case cinco séculos, a nobreza galega dominara a dinastía monárquica dos seus reinos e rebelárase cando o seu monarca non fora o da sua escolla. Aproveitando as Guerras Sucesorias ao trono de Castela de 1366-1371, o Reino de Galiza apostou por colar un monarca 'da casa' para retomar o control político que comezara a perder durante ese século. A aposta monárquica 'da casa' dos galegos foi Pedro I, alcumado 'O Cruel', fillo do rei Afonso XI e da princesa María de Portugal, e curmán do Príncipe de Gales. A escolla dos casteláns foi Henrique 'O Bastardo', tamén coñecido cos nomes de 'Henrique II de Castela' ou 'Henrique de Trastamara' (o título dos egrexios condes galegos de TrasTamara pasou a ser colección da monarquía castelá no século XIII ao morrer sen herdeiros o derradeiro dos TrasTamara, Roi Gomes). Apoiado polos galegos, o Rei Pedro
I reinou sobre Galiza, León e Castela desde 1350 até que o
seu irmán ilexítimo Henrique 'O Bastardo' usurpou o trono
no ano 1369, axudado polos seus vasalos casteláns en coalición
con aragoneses, cataláns e franceses. O Rei Pedro I refuxiouse entón
no Reino de Galiza cas os máis importantes condes galegos da época,
os Castro, desde onde prepararon o contra-ataque militar formado pola alianza
atlántica de tropas galegas, portuguesas e británicas. No
día 3 Abril 1367 a alianza atlántica do Rei Pedro I derrotaba
a coalición mediterránea de Henrique de Castela na Batalla
de Nájera. O monarca dos galegos retomou así o control do
reino de Castela durante dous anos, até que 'O Bastardo' acoitelou
e matou a traizón ao Rei Pedro I nos seus aposentos no 23 Marzo 1369,
usurpando novamente o trono castelán. Asasinado o Rei Pedro I, os
galegos decidiron proclamar rei a Fernando
I de Portugal, derradeiro descendente da dinastía galaico-burgundia,
que reinou en Galiza entre os anos 1369-1371 até que os exércitos
casteláns finalmente terminaron por conquistar o Reino galego. As
fillas de Pedro I, Constanza e Isabela, foron levadas a salvo e casadas
respeitivamente con John
of Gaunt e con Edmund of Langley, fillos do Rei Edward III Tudor de
Inglaterra e irmáns do Príncipe de Gales, que loitaran xunto
as tropas galegas na Batalla de Nájera. Por mor deste matrimonio,
o Reino de Galiza considerou a John of Gaunt, Duque
de Lancaster, como lexítimo herdeiro da liñaxe do Rei
Pedro I. O Duque de Lancaster chegou a ser governante rexente do Reino de
Inglaterra e axudou militarmente a Portugal na Batalla
de Aljubarrota, o 14 Agosto 1385, derrotando máis unha vez á
coalición inimiga castelán-francesa. Despois da vitoria en
Aljubarrota, o Duque de Lancaster deixou a rexencia de Inglaterra e embarcouse
con destino a Galiza na súa calidade de lexítimo herdeiro
da liñaxe do Rei Pedro I. O dia 25 Xullo 1386, día do Santo
Patrón de Galiza, o Duque de Lancaster chegaba ao porto da Coruña
coa súa familia -a princesa Constanza e as súas fillas- e
cun exército de 1500 lanzas e arqueiros, sendo benvidos e aclamados
como reis pola povoación. Os casteláns correron imediatamente
a aliarse cos franceses unha vez máis para facer frente á
renovada alianza galaico-británica. A alianza atlántica gañara
as decisivas batallas de Nájera e Aljubarrota, e agora todo estaba
disposto a ir pola terceira. Esta terceira vitoria sobre os casteláns
habería devolver ao Reino de Galiza o seu histórico control
dinástico sobre os tronos viciños de León e Castela.
Mais na primavera do ano 1387 o exército do novo governante de Galiza
foi desastrosamente contaminado de Peste Negra pouco antes de entrar en
batalla contra a coalición castelán-francesa. Dezimado polas
baixas e enfermidades, sofrendo de "grande mortandade"
nas súas tropas, o Lancaster non tivo máis remedio que aceitar
negociacións de paz co novo rei Juan I de Castela. A alianza atlántica
sempre fora máis forte no campo de batalla, mais por mor da peste
ou por rexicidio bastardo as guerras decidíranse lonxe do campo de
batalla. As consecuencias políticas desta perda foron nefastas para
Galiza. O Reino galego quedou gravemente afeblecido e os casteláns
aproveitaron a situación para a Doma y Castración que
deixou a Galiza sumida nos Séculos Escuros. O izado da bandeira no
3 Abril, día da vitoria na Batalla de Nájera, debe
lembrar positivamente a un Reino de Galiza loitador e ambicioso, que apostou
para gañar, e que gañou grazas a alianza atlántica
con portugueses e británicos, unha alianza atlántica que continuou
repetíndose na batalla de Aljubarrota e na campaña do Duque
de Lancaster.Decembro 17 - Execución de Pardo de Cela, comezo dos Séculos Escuros, 1483: O Reino de Galiza perdera dúas guerras cruciais, primeiro apostando polo Rei Pedro I e logo polo Duque de Lancaster. As repercusións políticas desta dobre perda foron moi graves. Na práctica, Galiza quedou sen rei de seu, nunha situación de desgoverno: os sucesivos reis casteláns Juan I, Enrique III, Juan II e Enrique IV governaban para Castela mais desentendíanse de governar Galiza porque carecían de autoridade efectiva no reino galego. Nengún daqueles reis casteláns, por exemplo, puxo nunca un pé nen asomou a cabeza en territorio galego. Galiza convertérase nun reino á deriva, sen rei nen lei, governada desordenadamente por un múltiple mosaico de condes en cadanseu territorio, que perderan enormes recursos en dúas ambiciosas guerras que resultaran en dous fracasos ruinosos, e que precisaban máis finanzas para recuperar poder e capacidade de influencia política e militar. A situación fáctica de desgoverno e de valeiro de autoridade permitiu unha espiral xeralizada de inseguridade e delincuencia que terminou nun periodo de Guerra Civil coñecido como as Guerras Irmandiñas. Desde
1431 até 1469, a Guerra Civil Irmandiña enfrentou a galegos
contra galegos, principalmente a parte das clases medias e baixas galegas
contra parte das clases medias e gobernantes. O bando irmandiño gañou
a primeira parte da guerra e provocou o exilio das élites galegas
fóra de Galiza. Os principais nobres de Galiza -o Conde de Lemos,
o Conde de Soutomaior, o Marechal Pardo de Cela e a cabeza da Igrexa Galega,
o Arcebispo Fonseca- foron acollidos polo Reino de Portugal. O Marechal
Pardo de Cela era o xenro herdeiro das posesións dos Lemos (daquela
a liñaxe nobre máis importante do país), un home con
ambición e o mellor situado para tomar o liderazgo dun reino de Galiza
carente de rei. No ano 1469, coa axuda do Reino de Portugal, os nobres galegos
contraatacaron militarmente e derrotaron definitivamente aos irmandiños.
Mais a Guerra Civil irmandiña non beneficiou a ninguén e todas
as partes sairon perdendo. A guerra danara enormemente á economia
do Reino e deixara ao país exausto e indefenso por culpa do máis
dun cento de castelos que os irmandiños destruiran durante a Guerra
Civil. O Marechal Pardo de Cela comprendeu que a guerra deixara ao reino
en situación crítica e mostrouse moi enfadado cara os seus
vasalos. A nobreza galega, extenuada tras dous séculos de progresiva
perda de poder político e militar, recebeu coa Guerra Civil Irmandiña
un duro golpe que a deixou aínda máis afeblecida e vulnerable.
E mesmo así, os nobres galegos foron facer un último esforzo
por recuperar o seu histórico control político da dinastía
real. Foi durante a guerra sucesoria ao trono de Castela, entre 1475-1479.
Os casteláns apoiaron a Isabel 'La Católica' e Fernando de
Aragón, representantes dunha unión mediterránea. Os
galegos apoiaron a Juana 'Beltraneja' e a Afonso V de Portugal, máis
a favor dos intereses atlánticos. O bando castelán-mediterráneo
gañou en Castela mais non en Galiza, e os galegos negáronse
a aceitar a Isabel 'La Católica' e Fernando de Aragón como
reis. O liderazgo militar galego foi asumido principalmente polo Conde Pedro
'Madruga' de Soutomaior e sobre todo polo Marechal Pardo de Cela, herdeiro
das extensas posesións dos Lemos. Extremadamente afeblecido por culpa
da Guerra Civil Irmandiña, e con prácticamente todas as suas
defensas militares destruidas, o Reino de Galiza acabou sendo conquistado
polos exércitos casteláns con "crueldad, y era entonces
necesaria; y por eso se hacían muchas carnecerias de hombres".
O derradeiro en cair foi o Marechal Pardo de Cela, no ano 1483, traizoado
por un dos seus no Castelo
da Frouxeira, mais nunca derrotado en batalla tras oito longos anos
de oposición armada aos 'Reyes Católicos' de Castela e Aragón.
O Marechal demostrara o seu natural talento militar e de liderazgo politico
desde a Guerra Irmandiña. O Marechal era o señor das terras
britonienses e o xenro herdeiro dos estados dos Lemos, e como tal, habería
ser un día o maior nobre de todo o Reino de Galiza. O Marechal era
un home decidido que soubo liderar as causas galegas que el considerou mellor
para os intereses políticos do Reino galego. Para os 'Reyes Católicos'
de Castela e Aragón, O Marechal era un perigoso rival político
que había que eliminar. O día 17 Decembro 1483, o derradeiro
defensor da soberanía do Reino de Galiza era decapitado por orde
dos reis casteláns en execución
pública sumarísima na Praza de Mondoñedo, diante
do seu povo. Segundo a tradición, a cabeza do Marechal marchou rodando
como un santo até chegar á porta da Catedral, ao tempo que
berraba "CREDO!, CREDO!, CREDO!". O día 17 Decembro
1483 era executado o derradeiro líder galego con ambicións
políticas galegas e comezaban os Séculos Escuros, nunha estratexia
planificada desde a corte de Castela que o cronista cortesano e inquisidor
Jerónimo de Zurita, denominou "Doma y Castración del
Reyno de Galizia".Xaneiro 14 - Acollida galega dos refuxiados irlandeses da Batalla de Kinsale, 1602: Irlanda, ano 1592. O conde Hugh O'Neill, liderando o que aínda quedaba da nobreza gaélica, decidiu rebelarse contra a ocupación inglesa na Guerra dos Nove Anos. No ano 1600, o abade do convento dos franciscáns de Santiago de Compostela era nomeado Arcebispo de Dublín, e o rei das hespañas Filipe III decidía enviar un continxente militar a Irlanda coa intención de vingarse dos ingleses polo ridículo cometido pola súa Armada Invincible de 1588. No ano 1601 saían do porto da Coruña con destino a Irlanda varios continxentes de tropas de Galiza e de Castela. Parte das tropas capitaneadas polo castelán Juán de Águila perdéronse no Atlántico e parte foron capturadas polos ingleses ao desembarcaren en
Irlanda. En cambio, un continxente de tropas galegas capitaneadas polo santiagués
Alphonso Ocampo xuntou forzas coas do irlandés O'Donnell en Castlehaven
e logo dirixiuse ao encontro do exercito inglés no lugar de Kinsale,
perto da cidade de Cork, onde entraron en batalla loitando a carón
dos líderes da rebelión, os condes O'Neill e O'Sullivan. "O'Campo"
loitou bravamente e foi calificado de "gallant leader"
por Thomas D'Arcy McGee na sua Popular
History of Ireland. Mais os reforzos non foron dabondo e a rebelión
irlandesa foi derrotada na Batalla de Kinsale, con consecuencias desastrosas
para o Eire. Igual que acontecera en Galiza coa Doma y Castración,
o que restaba da derrotada nobreza irlandesa foi executada ou tivo que abandoar
o país antes de seren capturados. As posesións dos nobres
irlandeses foron confiscadas e repartidas entre a nobreza inglesa. Irlanda
caía nos seus Séculos Escuros. Comezou enton un exilio masivo
de familias de nobres irlandeses que fuxían da represión inglesa.
Emigrando principalmente desde os portos de Galway e Waterford até
o da Coruña, o Reino de Galiza foi o primeiro lugar de chegada daqueles
milleiros de refuxiados, moitos dos cais decidiron quedar a viver nesta
terra, que tanto lles lembraba á que tiveran que abandoar. Un destes
novos gaélico-galaicos era o proprio O'Donnell, que escapou de Castlehaven
o 6 xaneiro 1602 e arribou á Coruña no 14, onde foi recibido
con todos os honores. Un dos primeiros actos de O'Donnell foi "ir
visitar a Torre de Betanzos [faro da Coruña], desde onde,
segundo lendas bárdicas, os fillos de Milesius partiron na busca
da Illa do Destino [Irlanda]". Era o ano 1602, case tres séculos
antes de que O Bardo Pondal dera xusta homenaxe a Breogán no hino
nacional galego- e O'Donnell era levado a visitar o lugar desde o que os
seus devanceiros saíran cara o Éire. Xunto a Coruña,
Santiago de Compostela foi outro centro importante de acollida gaélica.
En Santiago fundouse no ano 1603 o célebre "Colexio de Irlandeses",
creado para educar aos fillos dos nobres emigrados a Galiza, entre eles
os descendentes do clan dos O'Sullivan. Comemorando o 390 aniversario da
axuda galega ao povo irlandés, en 1992 o mundialmente famoso compositor
Bill Whelan, autor de Riverdance, estreaba na Coruña a sinfonía
"From Kinsale to Corunna", coa apoteósica actuación
dos mellores músicos tradicionais de Irlanda acompañados polo
grupo galego Milladoiro e pola Orquestra Sinfónica de Galiza. Igual
que os irlandeses lembran e recoñecen a axuda historica que receberon
dos galegos naqueles seus tempos difíciles, nós deberiamos
tamén lembrar aos centos de galegos que deron a sua vida pola liberdade
irlandesa en Kinsale izando a nosa bandeira o día 14 Xaneiro,
data da chegada do nobre líder O'Donnell ao seu novo fogar, Galiza.Xuño 8 - Batalla de Ponte San Paio: Liberación de Galiza da ocupación francesa, 1809: No
ano 1808 o ditador francés Napoleón Bonaparte invadiu os reinos
de Hespaña e o reino de Portugal como parte da súa ambiciosa
estratexia militar de dominación total do continente Europeu. O Reino
de Galiza non recoñeceu a ocupación militar francesa e creou
un governo galego con funcións administrativas, económicas,
militares e diplomáticas proprias: a Xunta Suprema do Reino de Galiza.
Durante un ano, e con capital na Coruña, Galiza volveu autogovernarse
como un Estado soberano. As primeiras medidas da nova autoridade galega
foron de establecer relacións diplomáticas internacionais
con Gran Bretaña e Portugal, e de coordinar as accións de
defensa militar de Galiza. Axiña os británicos acoderon a
valer aos galegos enviando un continxente de 14.000 homes comandados polo
escocés John Moore. Británicos e galegos dispuxéronse
a defender a Coruña do ataque do exército de Napoleón,
que enviou a Galiza ao seu mellor militar, o Marechal Soult, 'Generalissimo
de France'. John Moore morreu na Batalla da Coruña, en Elviña,
o 16 xaneiro 1809 xunto a outros 8.000 soldados británicos, e a cidade
foi ocupada temporalmente polas tropas francesas. O xeneral escocés
foi soterrado nas murallas da cidade, onde Rosalía de Castro lle
adicou o poema "Cuan lonxe, canto das escuras nebras, dos verdes
pinos, das ferventes olas qu'o nacer viron!". Morto Moore, o comando
das tropas británicas foi tomado polo irlandés Arthur Wellesley,
Duque de Wellington, unha das máis altas figuras militares do século
XIX. Reorganizadas axiña as forzas atlánticas galaico-británicas,
un destacamento duns 1.600 estudantes galegos -o Batallón Literario-
saía de Santiago de Compostela marchando ao compás do antigo
Hino de Galiza, tocado na gaita en probable inspiración nos rexementos
do xeneral escocés Moore, que levaban gaiteiros con eles na Batalla
da Coruña. O 8 Xuño 1809 o exército galego, axudado
por tropas británicas e irlandesas, liberaba Galiza da ocupación
francesa na Batalla de Ponte San Paio. O irlandés Wellesley, Duque
de Wellington, facía homaxe posterior aos seus soldados galegos na
sua famosa arenga: "Guerreiros do mundo civilizado, aprendede a
selo dos individuos do exército que teño a sorte de comandar
Españois, adicádevos todos a imitar aos inimitables Galegos".
O 8 Xuño 1809, en Ponte San Paio, o Reino de Galiza era o
primeiro reino europeo en se liberar da ocupación francesa. Seis
anos máis tarde, en 1815, foi o proprio Duque de Wellington como
comandante-en-chefe das forzas aliadas o que finalmente terminaría
o traballo comezado en Galiza, derrotando a Napoleón en Bélxica,
na Batalla de Waterloo.Abril, 26 - Batalla de Cacheiras e os Mártires da Liberdade ou de Carral, 1846: O
século XIX foi o século da Galiza liberal e republicán.
Anos despois da coalición galaico-británica contra os franceses,
no ano 1815 Juan Díaz Porlier constituiu un governo provisional galego
-a "Xunta de Galiza"- contra o rei absolutista hespañol
Fernando VII. Cando aquel rei absolutista se fixo co poder en Madrid, Porlier
-daquela Presidente da Xunta- foi acusado de rebelión e foi executado.
Cinco anos máis tarde, en 1820, o Reino de Galiza convertíase
no principal apoio á Revolución Liberal do asturián
Rafael de Riego, e a nova Constitución liberal era rápidamente
aprobada na Coruña, Ferrol e Vigo. Tres anos despois, o exército
francés interviña militarmente invadindo Hespaña para
derrocar ao governo liberal e implantar ao rei absolutista Fernando VII.
Devolta unha vez máis a monarquía a Madrid, os galegos fixeron
un terceiro intento liberal e republicán durante a ditadura rexente
do General Narváez. A rebelión iniciábase o 2 Abril
1846. As primeiras forzas militares galegas en declararse non suxeitas á
autoridade da monarquía hespañola eran os do Batallón
de Lugo, comandados polo Coronel do Estado Maior da Capitanía Xeral
de Galiza, Miguel Solís. O resto de Galiza sumouse á rebelión
liberal durante os días seguintes. O día 15 Abril contituíase
en Santiago o governo provisional da Xunta Superior do Reino de Galiza,
con Pío Rodríguez Terrazo como Presidente e con Antolín
Faraldo como Secretario. A Xunta do Reino de Galiza redactou un manifesto
programático de restitución das liberdades políticas
galegas e en contra do absolutismo español, que daquela consideraba
a Galiza como unha colonia máis entre as suas posesións. Madrid
respondeu ás demandas galegas enviando un numeroso exército
con ordes de esmagar á rebelión galega. O exército
da Xunta do Reino de Galiza, comandado por Miguel Solís ainda que
inferior en efectivos, foi eventualmente derrotado na Batalla
de Cacheiras no 23 Abril 1846. Parte das tropas galegas reagrupáronse
en Santiago de Compostela, onde loitaron contra o exército español
nas rúas e nos edificios da cidade, recuando logo e atrincheirándose
no mosteiro de San Martiño Pinario, nun episodio que lembra á
rebelión irlandesa do 29 Abril que se atrincheirou na Post Office
de Dublín. Sen vía de saída, as tropas galegas acabaron
por capitular ante as forzas españolas. Mais o exército español,
temendo unha sublevación xeral da povoación, non se atreveu
a deixar na Coruña nen en Santiago aos líderes galegos capturados.
Así, cobardemente ás agachadas, doce dos principais líderes
e militares galeguistas foron levados o 26 Abril a Carral,
lonxe das principais cidades galegas, para seren executados por aquelas
tropas españolas enviadas desde Madrid para esmagar as demandas lexítimas
da Xunta do Reino de Galiza. O Coronel Miguel Solís foi fusilado
no adro da igrexa de Paleo, e o resto dos líderes galegos foron pasados
polas armas na Fraga do Rei. O párroco, que presenciou o fusilamento,
escrebeu na acta de defunción: "Espectáculo horroroso.
Triste Memoria". Os corpos foron soterrados en foxos sen nome no
adro da igrexa de Paleo. Anos despois, a Liga Galega da Cruña ergueu
un monumento en Carral en memoria aos Mártires da Liberdade. No monumento
figura o Santo Graal do Reino da Galiza e unha inscripción adicada
"Aos Mártires da Liberdade mortos o 26 Abril 1846". |