» In English
» Castellano
» Português

IrlandaBandeiras históricas da Irlanda

Contidos nesta sección:
» Bandeira nacional da Irlanda
» Bandeira nacional histórica da Irlanda
» Bandeiras históricas dos antigos reinos irlandeses
» Bandeira histórica da Cruz de San Patricio

Visita tamén estas páxinas:
» Bandeiras nacionais e históricas dos países celtas
» Bandeiras históricas e comarcais galegas


Bandeira nacional da Irlanda Bandeira nacional da Irlanda

A bandeira da Irlanda, coñecida como The Tricolour, consiste en tres bandas verticais de cor verde, branco e laranxa.

É esta unha bandeira moderna, criada no séc.XIX para representar o ideal dunha Irlanda unida a pesar de séculos de división entre nativos irlandeses e colonos británicos. A banda verde representa a maioría nativa gaélica, a banda laranxa significa a minoría de colonos británicos, e a banda branca significa a paz entre os dous grupos.

As referencias ás primeiras aparicións públicas da Tricolour datan da década dos 1830. Aínda que a bandeira nacional irlandesa vixente neste periodo era a histórica bandeira verde coa Harpa dourada, cara o ano 1848 a Tricolour foi adoptada polo grupo político Young Ireland como bandeira do movimento soberanista irlandés.

O evento que popularizou definitivamente a Tricolour por toda Irlanda foi o Easter Rising (Levantamento de Páscoa) de 1916, onde os sublevados ondearon esta bandeira sobre a General Post Office, o edificio central de Correos, como símbolo dunha nova Irlanda soberana.

Como nova bandeira da causa soberanista irlandesa, a Tricolour foi adoptada polo primeiro governo irlandés do Irish Free State, e a partir de aquí decidiuse abandoar a antiga bandeira nacional da Harpa, oficializando na Constitución Irlandesa de 1937 a moderna bandeira tricolor como nova bandeira nacional da Irlanda.


Antiga bandeira histórica da IrlandaAntiga bandeira nacional histórica da Irlanda

A bandeira tradicional da Irlanda consiste nunha harpa dourada sobre un fondo verde. Esta era a bandeira nacional histórica da Irlanda antes de que acabase sendo substituída pola Tricolour durante comezos do séc.XX.

A cor verde estivo tradicionalmente asociada con Irlanda e coa súa aspiración de autogoverno e soberanía, e a Harpa é un símbolo heráldico irlandés cuxa referencia máis antiga aparece nunha moeda irlandesa do séc.XIII.

A referencia histórica máis antiga sobre esta bandeira é dos tempos da rebelión da Irish Confederation acontecida principalmente no Leinster en 1641. O protagonista da crónica en cuestión é Owen Roe O'Neill, sobriño do Conde de Tyrone Hugh O'Neill, quen loitou xunto as tropas galegas do capitán Ocampo en Kinsale en 1602. Moitos dos nobres que loitaron en Kinsale tiveron que exiliarse, embarcándose cara A Coruña, onde algúns quedaron no Reino da Galiza e outros continuaron cara Castela converténdose en nobreza cortesá. O sobriño do Conde O'Neill, Owen Roe O'Neill, terminou como militar no exército español durante a ocupación dos Países Baixos. No ano 1642, Owen Roe O'Neill decidiu voltar a Irlanda para loitar a prol da rebelión da Irish Confederation, e a crónica menciona que no seu barco ondeaba a bandeira da Harpa irlandesa sobre campo verde.


Bandeira de Estado e Escudo de Armas

Bandeira de Estado irlandesa e Escudo de Armas da IrlandaIgual que na Galiza -onde a nosa bandeira histórica do Graal acabou substituída por un deseño moderno, mais conservándose como segundo símbolo nacional e como símbolo institucional ou de Estado- a bandeira histórica irlandesa da Harpa tamén acabou como bandeira de Estado tras ser substitída pola Tricolour en 1937.

A Harpa dourada sobre campo azul é a bandeira institucional ou de Estado utilizada polo Presidente da República da Irlanda. Esta bandeira, chamada Irish Presidential Standard, foi institucionalizada desde 1945 en base ás armas heráldicas da Irlanda, que consisten nunha Harpa dourada sobre un campo azul, a diferenza da bandeira civil antiga na que o campo era de cor verde.

A harpa, o símbolo nacional máis vello da Irlanda, continúa utilizándose como símbolo nacional en moedas, pasaportes, documentos oficiais do governo da Irlanda, etc.


Bandeiras dos antigos reinos irlandeses de Leinster, Munster, Connacht e Ulster

Históricamente, a illa de Irlanda non era un reino unificado, senón que estaba composta por varios reinos irlandeses interrelacionados entre si, que a súa vez estaban subcompostos por pequenos condados ou comarcas. Do mesmo xeito que a antiga Gallaecia céltiga comprendía tres grandes territorios ou divisións políticas -as Gallaecias Lucense, Bracarense e Asturicense- a Irlanda gaélica comprendía cinco grandes territorios: Munster, Connacht, Ulster, Leinster e Mide.

Estes antigos reinos ou divisións politicas, que na Gallaecia recibiron o nome de "Conventus", na Irlanda os escribas medievais puxéronlle o nome de "Provinces", tomando a palabra latina Pro vinciae, que era o nome que o Imperio Romano lle puña aos territorios, reinos ou nacións vincidas.

Do mesmo xeito que a monarquía sueva acometeu a unificación dos principados da Gallaecia baixo un poder político centralizado, os monarcas normandos da Irlanda tamén comezaron o proceso unificador dos diferentes reinos da illa dentro dun único reino irlandés. Durante este periodo, o antigo reino de Meath foi absorvido polo reino de Leinster, e os cinco antigos reinos irlandeses quedaron en catro: Leinster, Munster, Connacht e Ulster.

Os catro reinos irlandeses terminaron por desaparecer como divisións administrativas a partir da unificación da illa baixo un só reino normando durante a Idade Media. Ainda que os antigos catro reinos ou provinces non posúen hoxe nengún estatus legal administrativo, a súa memoria consérvase en referencias culturais e deportivas. Por exemplo, a Gaelic Athletic Association e as equipas de rugby irlandesas organizan ligas territoriais baixo os nomes dos antigos reinos ou provinces.

As armas de cada antigo reino ou province apareceron referenciadas no séc.XVII, mais só se popularizaron entre a sociedade en tempos recentes, durante o séc.XX. Estas bandeiras utilízanse hoxe sobre todo en contextos deportivos.


Bandeira do antigo reino ou 'province' de Leinster / LaighinLeinster

Leinster (Laighin en gaélico) era o reino do leste da Irlanda, e comprendía a cidade de Dublín, a capital histórica da illa desde a unificación normanda.

Un antigo poema gaélico sobre os antigos reinos da illa, Ard Ruide, descrebía "Leinster, o reino do leste, é o reino da prosperidade, hospitalidade, das importacións de ricos produtos extranxeiros como a seda ou o viño; os homes do Leinster son nobres na súa fala e as súas mulleres son excepcionalmente fermosas".

Do desaparecido reino de Meath, integrado en Leinster, Ard Ruide dicía que "é o reino da monarquía, da nobreza, da riqueza no goberno; En Meath esta o castro de Rath na Ríthe, no monte de Tara, que é a corte tradicional do Rei de todos os Reis da Irlanda".

A bandeira do Leinster consiste nunha Harpa dourada sobre un fondo verde. Como bandeira do reino máis importante da Irlanda, esta bandeira converteuse na enseña nacional irlandesa até a adopción da Tricolour no séc.XX. A referencia máis antiga de esta bandeira aparece na crónica da chegada a Irlanda do barco de Owen Roe O'Neill, sobriño do Conde Hugh O'Neill, durante a rebelión da Irish Confederation en 1642.


Bandeira do antigo reino ou 'province' de Munster / An MhumhainMunster (lenda da bandeira de Breogán)

Munster (An Mhumhain en gaélico) era o reino do sul da Irlanda, xusto enfrente da costa galega. Neste reino existiu na antiguidade o reino gaélico de Brigantia, posiblemente relacionado co reino galego de Brigantia.

O antigo poema gaélico, Ard Ruide, descrebe "Munster no sul, é o reino da música e as artes, dos harpeiros e dos mellores xinetes de cabalo. As feiras do Muster son as mellores da Irlanda".

Nas armas históricas do reino do Mhumhain figuran tres coroas de ouro sobre un fondo azul. Esta disposición é idéntica á primeiras armas coñecidas do Reino da Galiza, nas que tamén figuraban, na mesma orde, tres graais de ouro sobre un fondo azul.

Existen varias lendas que explican a significación das coroas na bandeira. Unha desas lendas refírese á historia de Breogán, segundo a cal oito dos seus bisnetos marcharon á conquista da Irlanda, morrendo cinco deles durante a invasión, e sobrevivendo tres deles, entre os cais compartiron o Reino do Munster. Outra lenda, facéndose eco desa lenda breoganiana conta que as coroas representan os tres principados históricos do Reino do Munster: Thomond (Norte do Munster), Desmond (Sul do Munster), e Ormond (Leste do Munster).

A bandeira do Reino do Munster, onde antigamente existiu o Reino de Brigantia, foi usada temporalmente como símbolo da Irlanda nos anos anteriores ao establecimento da Harpa como símbolo nacional irlandés, durante o reinado do rei inglés Henry VIII. Ainda que non se conservan referencias a este respeito, outra lenda afirma que esta bandeira foi "a bandeira máis vella que navegou polos mares, as tres coroas sobre o campo azul, que representan os tres fillos de Mile e bisnetos de Breogán".


Bandeira do antigo reino ou 'province' de Connacht / ConnachtaConnacht

Connacht (Connachta en gaélico) era o máis pequeno dos antigos reinos irlandeses, ao oeste da illa.

O antigo poema gaélico, Ard Ruide, descrebe "Connacht, no oeste é o reino das escolas, o centro dos mellores e máis sabios druídas e mestres. Os homes de Connacht son coñecidos pola súa elocuencia, o seu saber estar, e a súa boa comprensión da Xustiza".

As armas do antigo Reino de Connacht consisten nun campo branco e outro azul, sobre o cal aparecen respectivamente unha águia e un brazo portando unha espada. A mostra máis antiga deste símbolo aparece nun mapa de 1651 da cidade de Galway, porto que mantivo intensas relacións históricas coa Galiza através dos séculos.


Bandeira do antigo reino ou 'province' do Ulster / UlaidhUlster

Ulster (Ulaidh en gaélico) era o reino máis norteño dos antigos reinos irlandeses. Actualmente, o Ulster está dividido entre dous estados. A maior parte do Ulster, seis comarcas, pertence ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, e o terzo occidental do seu antigo territorio fai parte da República da Irlanda.

O antigo poema gaélico, Ard Ruide, descrebe "Ulster, no norte, é o reino do valor na batalla, da bravura e da fachenda. Os homes do Ulster son os máis feroces guerreiros da Irlanda, e as raíñas e deusas do Ulster son protectoras da guerra e a morte".

As armas do antigo Reino do Ulster consisten nunha cruz vermella sobre un campo dourado, e nunha man branca sobre o centro da cruz. A cruz vermella corresponde ás armas heráldicas da casa normanda dos De Burgh, importantes nobres da zona, e a man destra é o símbolo heráldico da outra grande familia do Ulster, os O'Neill que combateron xunto aos galegos en Kinsale.

Segundo a tradición, a orixe heráldica da man vermella do Ulster ten a súa orixe no ciclo de Breogán da colonización da Irlanda. A lenda conta que tres fillos de Mile, o neto do rei Breogán, achegábanse á costa irlandesa despois de ter saído da Galiza para colonizar Irlanda. Un dos tres xóvenes cortou a súa man e lanzouna a terra co propósito de ser o primeiro en poder reclamar o direito de reinar sobre a illa.

Outra lenda similar conta que o Conde O'Neill e un pretendente chamado Dermott competían polo título de Rei do Ulster. O rei de todos os reis da Irlanda organizou unha carreira de cabalos entre O'Neill e Dermott para decidir o gañador da coroa do Ulster. O nobre chamado Dermott era mellor xinete e ía gañar a carreira, mais en vista diso, O'Neill cortou a súa man e lanzouna antes de chegar á meta, adiantando ao cabalo de Dermott, e conseguindo así o Reino do Ulster.


Bandeira histórica da Cruz de San PatricioBandeira histórica da Cruz de San Patricio

A bandeira de San Patricio (Saint Patrick's Flag en inglés e Cros Phádraig en gaélico), consiste nunha cruz vermella en forma de X sobre fondo branco.

Esta é unha bandeira de orixe relixiosa que representa a San Patricio, o Santo Patrón da Irlanda, do mesmo xeito que a cruz azul de Santo André representa a Escocia e a cruz de San Xurxo representa a Inglaterra.

A Cruz de San Patricio é a bandeira nacional irlandesa máis antiga, pois está asociada ás institucións irlandesas desde o séc.XVI. Como tal, a bandeira aparece desde ese século no selo do Trinity College de Dublín (a universidade máis importante na Irlanda), na heráldica do Duque do Leinster (o máis importante nobre irlandés) ou nos escudos de varias cidades irlandesas.

A Bandeira do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, composta polas bandeiras da Inglaterra, Escocia, e Cruz irlandesa de San Patricio
A Bandeira do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, composta polas bandeiras da Inglaterra, Escocia, e Cruz irlandesa de San Patricio
A Cruz de San Patricio é coñecida internacionalmente por aparecer desde 1801 na bandeira do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda, unha bandeira composta polas cruzes de San Xurxo, Santo André e San Patricio para representar a Unión política dos reinos da Inglaterra, Escocia e Irlanda. A inclusión da cruz de San Patricio na bandeira do Reino Unido restoulle popularidade a este símbolo na Irlanda, facendo que esta enseña sexa menos popular a nivel civil que as bandeiras dos antigos reinos irlandeses.

En xeral, a Cruz de San Patricio é aínda ocasionalmente utilizada como un símbolo neutral para toda Irlanda, e así figura nas bandeiras e escudos de varias institucións universitarias, científicas, relixiosas, culturais, etc de toda a illa (República de Irlanda e provincia británica de Irlanda do Norte).

Existen varias teorías sobre cal é a orixe da bandeira da Cruz de San Patricio. Aínda que algúns pretenderon asociala á similar Cruz de Borgoña, pénsase que é un símbolo criado na Irlanda pois xa aparece en moedas, mapas e selos irlandeses desde o séc.XV. A referencia máis antiga conservada deste símbolo na Irlanda é unha moeda dos anos 1480s, e os historiadores consideran que esta cruz naceu a partir dunha evolución da Cruz Paté que tradicionalmente era chamada a verdadeira Cruz de San Patricio.


San Patricio e a conexión galega

Antiga Cruz de San Patricio cun paxaro (Espírito Santo) e dúas serpes en Caherlehillan, county Kerry
Antiga Cruz de San Patricio cun paxaro (Espírito Santo) e dúas serpes en Caherlehillan, county Kerry
San Patricio era un santo de orixe non irlandesa, senón británica, nacido na provincia romana da Britannia no seo dunha famila romano-britona. A nai de Patricio, Concessa, era parente de San Martiño de Tours (avogado defensor de Priscilián e santo moi popular na Galiza), cuxas reliquias foron utlizadas polo Rei Cararic da Gallaecia (ca.530/540 - 559) para curar a doenza do seu fillo.

San Patricio é tradicionalmente considerado como o misioneiro que converteu toda Irlanda ao Cristianismo en apenas varias décadas. A miragre máis popular sobre San Patricio conta que o santo expulsou a todas as serpes fóra da Irlanda. Esta mesma lenda consérvase exactamente na Galiza, en diferentes lugares da comarca de Bergantiños (parte do antigo reino da Brigantia), coa variación de que o protagonista da versión galega non é San Patricio senon San Hadrián.

Tradicionalmente, a Cruz de San Patricio era a chamada Cruz Patée, un símbolo en forma de cruz adoptado polo Cristianismo, mais que xa existía no arte celta gaélico e galaico moito antes da chegada desta nova relixión. A Cruz Patée seguiu utilizándose con moita frecuencia no arte medieval galego.


Voltar á Páxina Principal