» In English
» Castellano
» Português

CornuallaBandeira da Cornualla

Visita tamén estas páxinas:
» Bandeiras nacionais e históricas dos países celtas
» Bandeiras históricas e comarcais galegas


Bandeira nacional da Cornualla Bandeira nacional da Cornualla

A bandeira da Cornualla consiste nunha cruz branca sobre fondo negro. As cores desta cruz representan a San Peran ou Piran, que é o santo patrón da Cornualla.

Algúns historiadores consideran que o deseño da bandeira puido ter orixinado nas cruzadas do séc.XII como distintivo do continxente de cruzados procedente da Cornualla, mais a primeira referencia explícita que se conserva a respecto do uso desta bandeira como bandeira cornuallesa é unha referencia literaria do século XIX, que afirma que "A cruz branca sobre fondo negro foi noutrora a enseña de San Peran e o estandarte da Cornualla".

San Peran foi un bispo irlandés do séc.V que, ao igual que moitos outros homes santos galegos da mesma época, viaxaba nunha barca de pedra polo Atlántico na procura de terras que cristianizar. A lenda conta que San Peran saiu da Irlanda navigando sobre unha roda de muíño, e a providencia levou ao santo a cristianizar a Cornualla. A Cornualla e a Galiza eran os dous principais produtores de Estaño do Atlántico e entre estas dúas fisterras existía antigamente un intenso comercio marítimo. Segundo a lenda, San Peran marabillouse ao ver correr o branco estaño fundido sobre as negras cinsas da borralla, e adoptou estas dúas cores para o seu estandarte. En troques, os cornualleses adoptárono a el como santo patrón da Cornualla e santo patrón dos mineiros de estaño.


Armas do Duque e Ducado da Cornualla Armas do Ducado da Cornualla

O Escudo de Armas histórico da Cornualla consiste nun campo negro sobre o cal están dispostas 15 moedas de ouro en orde 5-4-3-2-1.

Estímase que a orixe das armas cornuallesas data do ano 1337, cando o Rei da Inglaterra Edward III criou o título de Duque da Cornualla para o seu fillo maior Edward "The Black Prince".

Edward "The Black Prince", primeiro Duque da Cornualla, foi un príncipe herdeiro inglés que mantivo unha estreita relación co Reino da Galiza. The Black Prince deu refuxio na súa Corte ao Rei Pedro I, o monarca protexido pola nobreza galega, e logo loitaron xuntos na Batalla de Nájera, onde a alianza militar atlántica de galegos, británicos e portugueses derrotou á coalición mediterránea de casteláns e franceses.

Edward, Duque da Cornualla, é tamén coñecido no noso país por ser o irmán maior de John of Gaunt, Duque de Lancaster e derradeiro Rei da Galiza entre 1385-1387.

O Ducado da Cornualla e o Ducado de Lancaster son dous sobrevivintes da antiga división feudal do Reino da Inglaterra. Estes dous ducados son de feito territorios que formalmente aínda pertencen á Casa Real británica.

Desde a súa institución no ano 1337, o Ducado da Cornualla é un título e territorio outorgado automáticamente ao fillo maior do rei ou raíña da Inglaterra. Como tal, o actual Duque da Cornualla é Charles, o Príncipe de Gales e herdeiro ao trono do Reino Unido, e as armas do Ducado da Cornualla son un dos seus estandartes heráldicos.

Na Cornualla, as Armas do Ducado utilízanse ás veces como símbolo histórico alternativo á Cruz de San Peran. Este é por exemplo o símbolo oficial que usa o goberno rexional da Cornualla, o Cornwall County Council, do mesmo xeito que a Xunta da Galiza utiliza o Graal do Reino, ou o Presidente da Irlanda utiliza a Harpa do escudo histórico.


Voltar á Páxina Principal