| » In English » Castellano » Português |
||
Bandeiras históricas da BretañaContidos nesta sección: » Bandeira nacional da Bretaña » Bandeira histórica do Ducado da Bretaña » Bandeira histórica da Cruz Negra da Bretaña Visita tamén estas páxinas: » Bandeiras nacionais e históricas dos países celtas » Bandeiras históricas e comarcais galegas |
Bandeira nacional da BretañaA bandeira da Bretaña, coñecida co nome de Gwen ha Du (Branca e Negra) no idioma bretón, é unha bandeira moderna cuxo deseño está inspirado nas cores históricas bretoas e na feitura da bandeira dos EUA como símbolo de liberdade e democracia. O cantón de peles de armiño é a bandeira histórica do Ducado da Bretaña, e as nove barras horizontais representan ás dióceses tradicionais do país, correspondendo as cinco barras negras ás dióceses de idioma Galó (Dol, Nantes, Rennes, Saint-Brieuc e Saint-Malo) e as catro barras brancas ás dióceses de fala bretoa (Cornouaille, Léon, Trégor e Vannes). A bandeira foi orixinalmente deseñada ano 1923 por un membro da organización bretonista Breizh Atao ("Sempre Bretaña") e a partir dos anos 60 comezou a consolidarse na sociedade como a bandeira oficial bretoa. |
Bandeira
histórica do Ducado da BretañaO escudo de armas e bandeira do Ducado e casa ducal da Bretaña consiste nun campo de peles de armiño sobre un fondo branco. As armas e bandeira do antigo Ducado orixinaron nas armas dos duques da dinastía dos Capet, que gobernaron o país nun periodo de prosperidade económica e política entre 1212 ata 1532, data na que o Ducado de Bretaña foi incorporado ao Reino da Franza. O emblema ducal das peles de armiño máis antigo que se conserva é o dun selo do ano 1318. Durante os case tres séculos de goberno dos Capet, o estandarte das peles de armiño converteuse na enseña nacional do Ducado da Bretaña. Despois da incorporación da Bretaña á Franza no ano 1532, o uso da bandeira do antigo Ducado decaiu mais non desapareceu completamente. Igual que o Santo Graal do Reino galego, as armas históricas do Ducado utilizáronse ocasionalmente nos Séculos Escuros bretóns para representar a provincia francesa da Bretaña en heráldica, mapas, ou estandartes militares provinciais. Os Bretonistas de comezos do séc.XX promocionaron a bandeira tradicional da Bretaña como parte do seu traballo de recuperación da cultura e historia bretoa, mais eventualmente a enseña que acabou converténdose en bandeira bretoa moderna foi a actual bandeira das barras e armiños. |
Bandeira histórica da Cruz Negra da BretañaA bandeira histórica da cruz do Ducado da Bretaña, tamén coñecida como Kroaz Du (Cruz Negra) no idioma bretón, consiste nunha cruz de cor negra sobre fondo branco. Esta é unha bandeira de orixe relixiosa, ao igual que as cruces de San David de Gales, Sant-Iago da Galiza, ou San Patricio da Irlanda. As primeiras referencias conservadas sobre esta bandeira histórica datan do séc.XV, mais suponse que a orixe da Cruz Negra remóntase polo menos ás Cruzadas do séc.XIII, cando o Papa Gregorio concedeu o uso destas cores aos cabaleiros bretóns como identificativo de seu para distinguir aos continxentes nacionais participantes nas Cruzadas. Os historiadores estiman que a Cruz Negra tivo un uso semioficial xunto á bandeira do Ducado ata a incorporación da Bretaña na Franza en 1532, cando os símbolos bretóns cairon en desuso. |